Mi artículo para eduga

Os comparto el artículo que me han publicado en la revista Eduga:

Contextualización

As persoas non só somos diferentes, senón que tamén aprendemos e pensamos de forma diferente. O obxectivo da educación e mais do traballo desde un centro e dunha aula debe estar encamiñado a unha personalización do ensino.

Esta personalización ten que conter diversas maneiras e recursos para poder adaptar cada aprendizaxe a un ritmo concreto dunha maneira completa e multisensorial, a través de diferentes agrupamentos que lles permitan enfrontarse a situacións sociais nas que terán que progresar nas súas limitacións e ofrecer os seus puntos fortes.

Transformarase así a aula nun taller de reforzo da autoestima e de fomento do traballo e do respecto polos iguais.

A aprendizaxe en estacións desenvolveuse nun principio na escola primaria para traballar dunha maneira individual e diferenciada con nenos especialmente dotados. Máis tarde, diversos pedagogos e pedagogas adoptaron este concepto á realidade das súas aulas como forma de atención a todo o alumnado coas súas particularidades.

Tras empaparme de artigos e estudos sobre neurociencia e metodoloxías tipicamente americanas, formuleime unha cuestión: podería combinar o xogo, o control de tempos, o traballo da autonomía, o traballo cooperativo e o repaso de contidos nunha soa actividade?

Foi esa a principal pregunta que me levou a desenvolver o traballo por estacións de xeito experimental na miña aula.

Obxectivos

Todas as actividades realizadas co meu grupo ao longo do curso escolar a través da metodoloxía das estacións de traballo tiñan como obxectivo o fomento das relacións interpersoais, a cooperación, a aprendizaxe de traballo en equipo, a mellora da autoestima e o repaso de conceptos.

Baseándome nalgúns dos grandes impulsores, como Frederic Vester, Morgan e Admson e  Roland Bauer, como mestra, tiña que recoñecer as canles de aprendizaxe de cada alumno e alumna e, en función disto, organizar a miña acción docente.

Este tipo de aprendizaxe senta as súas bases no construtivismo xa que os contidos educativos se traballan desde distintas perspectivas e é esta a razón de que o principal obxectivo sexa desenvolver todas as capacidades do alumnado de todos os xeitos posibles.

Recursos empregados

Ao longo de todas as sesións que levamos a cabo baseadas nesta metodoloxía usáronse diversos recursos, tanto funxibles como non funxibles. Desde quebracabezas elaborados para unir equivalencias de masas, ata visualizacións de pequenos fragmentos de vídeos sobre a temática proposta (a través de tabletas), que permitían traballar a comprensión lectora, a síntese e a obtención de datos. Todo isto pasando por pescuda a través de códigos QR, uso do propio caderno de traballo para poder revisar apuntamentos previos...

Descrición da actividade

O traballo por estacións responde á necesidade de traballar diferentes actividades á vez durante unha sesión (ou varias), polas que vai rotando o alumnado. 

A necesidade de traballar non só os contidos meramente curriculares, senón tamén a expresión oral, o respecto, a resolución de problemas de xeito grupal, o control dos tempos e as intelixencias múltiples é un dos motivos polos que cada vez hai máis mestres e mestras adeptos a esta metodoloxía.

Para poder levar a cabo esta experiencia (que finalmente se converteu nunha rutina de repaso na miña aula), hai que formular diferentes pasos ou fases.

O primeiro requisito é ter os contidos que se van traballar explicados, xa que utilicei cada unha das estacións como repaso de diferentes partes da materia.

O segundo paso é presentar o traballo e explicalo, algo que será moito máis breve nas seguintes sesións, xa que o grupo xa coñecerá a forma de traballar.

Hai que ter en conta que as primeiras veces sempre son máis difíciles e temos que velas como pequenas tomas de contacto. Unha vez pasadas, observaremos como, cada vez que traballemos deste xeito, todo é máis fluído.

Explicaranse aquí os materiais que se precisan, o que deben facer en cada unha das estacións e o tempo que van ter en cada unha, tras o cal, un sinal acústico marcará o cambio de estación.

No meu caso, concretamente, utilicei a web https://classroomscreen.com/, que permite establecer un control de tempo con sinal acústico e, na mesma páxina, establecer un resumo do obxectivo de cada estación.

O terceiro paso é ter claro que nós, os e as docentes, temos que ser observadores e reguladores de cada unha das actividades xa que, a través delas, observaremos fortalezas e debilidades de cada un dos nosos alumnos.

Coma sempre, a mellor forma de poder imaxinar algo é mediante a imaxe e exemplos, por iso se mostran a continuación algunhas das actividades realizadas coas miña clase.

A primeira experiencia (Chocolateados) tiña como fío temático a novela Charlie e a fábrica de chocolate de Roal Dahl, xa que o meu grupo a coñecía e acababa de traballar con ela na aula.

Cómpre precisar que é moi importante (non imprescindible) intentar usar temáticas motivadoras para o grupo, de xeito que perciban estas experiencias de traballo como algo lúdico e «distinto» do que están afeitos a facer.

Os contidos que iamos traballar estaban relacionados coa área de Matemáticas: os números decimais, operacións con eles, escritura, comparación... co cal en cada unha das estacións se traballaba un destes conceptos.

Poñendo exemplos concretos, nunha das estacións tiñan diferentes barriñas de chocolate con operacións para resolver en cada unha; noutra das estacións tiñan que colocar botellas con «bebida máxica» e atopar así problemas para solucionar...

No tocante á temporización, unha cuestión que moitas veces preocupa, hai que dicir que depende moito da experiencia. É obvio que será moito máis doado realizar este tipo de actividades dunha maneira máis ampla se somos titores dun grupo, xa que podemos estendernos máis no tempo de duración. Ademais, isto permitiría que a actividade fose interdisciplinar e traballar así as linguas, ciencias e contidos matemáticos nela.

Evidentemente, tamén pode realizarse nunha sesión, pero temos que controlar moi ben os tempos de traballo, para que a actividade quede completa e non xere dúbidas no noso alumnado. Debe ter sempre un principio e un fin.

Neste caso, para esta experiencia utilicei dúas sesións consecutivas (entre explicación, obxectivos, tempo de traballo de aproximadamente 12 minutos por estación e reflexión).

Tamén con este mesmo exemplo falarei do número de estacións. Co meu grupo de 24 alumnos e alumnas, distribuín 6 estacións pola aula, correspondente ao número de grupos de traballo que xa tiña establecidos (en grupos de catro, segundo a teoría da aprendizaxe cooperativa de Kagan).

Non sempre ten que ser así. Poderíanse facer máis grupos con menos alumnos en cada un ou menos grupos con máis participantes.

Outra experiencia realizada máis adiante foi Os mundos de Coralinefilme que lles encantaba.

Nesta traballamos tanto Lingua Castelá como Matemáticas a través de 6 estacións de novo.

Nunha farían comprensión lectora a través da cuberta do DVD da película xunto cunhas preguntas formuladas, ás que responderían nos seus cadernos.

Noutra das estacións, a través de imaxes da película tiñan que medir ángulos e clasificalos (conceptos que acababamos de traballar na área de Matemáticas).

Repartindo os contidos deste xeito estamos a aproveitar todo o potencial do noso alumnado e a temporización.

Avaliación e conclusión

Estas actividades poden servir como de pequenas avaliacións a través da observación sistemática, nas que obteremos datos sobre as dúbidas que aínda ten o alumnado antes de realizar unha avaliación final da unidade.

Trala súa realización avaliamos en conxunto a actividade cunha serie de enquisas, nas que se obtiveron os seguintes resultados:

 

Penso que é importante rematar este artigo facendo fincapé nos principais beneficios desta forma de traballar:

- Permítelles aos docente levar a cabo unha atención máis individualizada.

- Fai da avaliación parte do día a día nas aulas, non limitándoa ás tradicionais probas escritas.

- Permítelle a cada membro do grupo achegar algo, co que se estaría a traballar e a reforzar a autoestima positivamente.

- Pódense combinar tarefas de elaboración coas de comprensión.

- Fomenta o uso dos intercambios comunicativos entre o alumnado e a resolución de conflitos.

- Aumenta a motivación do alumnado.

- Axuda a controlar os tempos de traballo.

- Permite traballar de xeito transversal diferentes áreas do coñecemento ou materias.

- Permítelle ao alumnado ser consciente do seu propio proceso de aprendizaxe e establecer as súas fortalezas e debilidades.

- Fomenta a cooperación como forma de resolver problemas.

- Converte o docente nun apoio, nun guía, en lugar de ser unha fonte de coñecementos e información.


Romero, C. C. (2020). Estacións de traballo en primaria: algo tamén posible. Eduga: revista galega do ensino, (79), 23.



Comentarios

Entradas populares de este blog

Mi breve historia de España 5° y 6°

FÁBRICA DE ESCRITURA

En esta Jaula